Sunday 28 de April de 2024

Trenor destaca a mellora da seguridade tras o investimento dun millón de euros na estrada AC-423 que une Agrilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños


― A actuación contou cun investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros e levouse a cabo na estrada que conecta coa autovía da Costa da Morte, no treito entre os puntos quilométricos 0 e 5+350

― A intervención incluíu a mellora do firme no tramo, a rectificación de curvas de radio reducido e a execución de tres treitos de sendas peonís

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíños, e polo xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio López, supervisaron o remate das obras da 1ª fase de acondicionamento da estrada AC-423, que une Agrilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños.

Os traballos supuxeron un investimento de máis de 1 millón de euros. Trenor destacou que este tipo de actuacións incluídas no Plan de Reforzos de firme teñen como principal obxectivo conservar as estradas autonómicas e investir na súa mellora co fin de garantir a seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos. Neste senso, destacou que despois destas actuacións contamos cunha estrada máis segura e máis cómoda para os vehículos que transitan por esta vía que conta cunha gran afluencia de tráfico.
A intervención levouse a cabo na estrada que conecta coa autovía da Costa da Morte, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 5+350.
Trátase da 1ª fase de acondicionamento dun treito de 5,3 km da estrada autonómica AC-423, na que se mellorou o firme naqueles treitos que presentaban deterioros, estendendo unha nova capa de rodadura no ámbito da actuación.
Tamén se rectificaron as curvas con radio reducido -aquelas cun radio inferior aos 50 metros- nun treito aproximado de medio quilómetro.
Trenor destacou que a actuación tamén contemplou a execución de tres treitos de sendas en distintos puntos da estrada: un total de 1,4 km de itinerarios peonís que agora conectan cos que xa hai na actualidade, para favorecer os desprazamentos a pé.
Ademais, colocáronse varandas de protección nos lugares onde hai maiores desniveis e renovouse unha marquesiña deteriorada, para garantir o acubillo e protección dos usuarios do bus.
O delegado da Xunta recalcou que como actuacións complementarias, levouse a cabo unha mellora importante na sinalización, nos elementos de balizamento e defensa.